Conformando o binquedo. Refleións á volta...
ISBN: 84-86040-06-x
- Escribe un comentario
Paga de forma segura en nuestra tienda con tarjeta, transferencia o contrareembolso
Realizamos envíos a todo el mundo. Selecciona tu forma de envío en el proceso de compra.
Dispones de 15 días para tramitar cualquier devolución. Consulta condiciones.
Preámbulos, rodeos Cantas veces nos demoramos excesivamente nestes pasos previos evitando nos debruzar na prática cénica! Non é ese o fin destas páxinas. Tan só se quere apontar algún dado que axude a contextualizar as reflexións que aquí se encerran, reflexións que teñen por obxectivo promover o exercicio dramático.
Nos últimos tempos tivemos a extraordinaria oportunidade de desfrutar dun espazo e duns meios en que desenvolver, de maneira continuada e sen a presión do resultado imediato, un proceso de procura e experimentación de formas dramáticas que contou, ademais, co inestimábel apoio de dous grandes mestres aos que debe moitísimo a formación actoral da Galiza. Nunca poderemos corresponder á xenerosidade de Santiago Fernández e Manuel Lourenzo; somos moitos os que estaremos para sempre agradecidos con estes dous vultos da nosa cena.
Aliás, a conxunción foi aínda maior e no Laboratorio de Experimentación e Investigación Teatral Casahamlet congregouse neste período un feixe de entusiastas alunos que, para alén dunha enorme cualidade humana, mostraron un desexo encomiábel de aprender e exercitarse sen medir esforzos. Moitas das experiencias apontadas nos seguintes capítulos son frutos do seu traballo xeneroso.
Estas circunstancias supuxeron unha magnífica ocasión para reflectir, contrastar, experimentar, errar unha e mil veces e, en definitiva, empaparse de teatro. Os pensamentos que a seguir se reproducen visan partillar con quen tiver interese unha parte do proceso de maduración vivido e algunhas das ideas que nos invadiron.
Con todo, non se abriga a intención de doutrinar nen gañar ao leitor para unha causa. O proceso de aprendizaxe pode ser guiado, mais nunca determinado desde fóra porque é o proprio actor quen vive a metamorfose no seu interior, nun proceso individual e irrepetíbel que nunca se completa; os «coñecimentos» do oficio dramático non se transfiren, gáñanse, e non para sempre, pois son dunha enorme volatilidade contra a que só se pode loitar co empeño diario. Probabelmente unha das grandezas desta arte se non de todas sexa a de non ser abarcábel nun decálogo de verdades absolutas. A veemencia e o entusiasmo que destilan as afirmacións aquí vertidas non son outra cousa que paixón polo asunto, arrebato de quen foi fascinado irremediabelmente polo rito teatral. Tampouco se esconden as débedas contraídas cos grandes teóricos que, desde a lucidez que fornece unha actividade seria e continuada, construíron auténticos monumentos de saber cénico; porén, o maior recoñecimento é darmos continuidade coas nosas modestas aportacións a esa tradición que loita titanicamente por preservar a autenticidade do xogo dramático, un xogo cuxas claves se resisten a ser totalmente descifradas. A nosa non é máis que unha outra circunvalación ao misterio. Así pois, quen ver nisto un dogma de fe ou un modelo a imitar está pervertindo o propósito das nosas palabras.
"Conformando o brinquedo". Non hai maior proba da desventura dun título que ter que explicalo. Conformando, trazando, dispondo tanto a preparación actoral como a encenación son procesos continuos que non alcanzan nunca o resultado definitivo. O brinquedo somos nós, desde o momento en que todo xira á volta do evoluír dos actores; mais é tamén a proposta que lle oferecemos ao público para que se incorpore de maneira activa. Ideamos a oferenda ao tempo que nos ideamos nós proprios como materia teatral. O xogo será sempre o eixo da celebración.
Intercaladas na digresión, reprodúcense entre colchetes algúns exercicios, experiencias e reflexións achegadas á prática diaria moitas veces servíndomonos da vía negativa, isto é, chamando a atención sobre os camiños que non levan a nengures antes que provendo fórmulas máxicas, mais que non foron concebidas para seren imitadas ou serviren de modelo. Introducíronse apenas como suxestións ou exemplos do que se expón e non son en nengún caso transferíbeis a outros procesos de aprendizaxe diferentes daquel onde naceron. De querermos realizar un traballo proveitoso, estaremos condenamos a definir os nosos proprios exercicios.
O obxectivo último destes parágrafos non é outro que alentar a quen se adentra nesta actividade, transmitir entusiasmo, animar a manter un treinamento permanente, a experimentar, a conservar a esencia do teatro.
[Preámbulo do libro]
Publicación de Casahamlet